Pascua, tempo para o lecer

💁 Coa chegada da Pascua, e das tan desexadas vacacións, dende o EDLG do Macías o Namorado lanzamos unha ampla e variada escolma de novidades literarias, para que gocedes da nosa lingua, da nosa cultura no voso tempo de lecer. Ler é cool 😉, anímaste? 

📖 EIS AS NOSAS RECOMENDACIÓNS:

Para 1º de ESO

  •  Non te amola! de Xela Arias

Libro inédito desta autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021. É unha achega narrativa sobre a biografía emocional de Xela Arias, con ilustracións de Luz Beloso.

Para 1º, 2º, 3º e 4º da ESO

  • Aleida. Cidade sen alma de Víctor Boullón

Banda deseñada. Heroína aventureira que emprende unha viaxe para recuperar as reliquias do Apóstolo.

  • Cocotiburt de Rafael Fernández Lorenzo

Mitos, maxia e costumes. Trata da desaparición de 3 raparigas nunha vila costeira galega. Con ilustracións de Esteban Souto.

Bacharelato, profesorado, pais e nais

  • Entre donas, obra colectiva: Marilar Alexandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yáñez
Temos nesta obra dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo, experiencias, recoñecemento e noutros moitos aspectos vitais pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.

  • A tribo que conserva o lume de Teresa Moure
Última novela desta escritora galega. Thriller que nos desvelará quen matou a Thomas Dinger, cinco anos despois do seu pasamento e debido a reiteradas mortes de lingüistas en todo o mundo dúas mulleres envólvense en investigacións paralelas con consecuencias imprevisíbeis.

  • As malas mulleres de Marilar Aleixandre
Premio Blanco Amor 2020. Asistimos a unha apaixonante viaxe a finais do s.XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia, que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais. 

A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluías, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863.

             
                                                                             

Consegue a túa pegatina do mural de Rosalía!

🤩🔝 Que vos parece esta pegatina do mural que Lidia Cao pintou no noso insti? Non me digades que non está chula esta Rosalía de Castro que agora dá outro aire nesa entrada do centro. O EDLG púxose mans á obra coa difusión desta artistada, démoslle unhas cantas voltas e... voilá! Velaquí estas marabillas! Que ganas tiñamos de telas!

📢 Apetécevos ter a vosa? Pois xa podedes conseguila!!

🤔 Quen?

- Todo o profesorado e persoal non docente interesado.

- O alumnado que participou nalgunha actividade do EDLG: concurso de Castelao, tiktok, e, por suposto, as rapazas que forman parte do equipo. 

- Para o resto da rapazada: podedes facervos coa vosa bloggeando un pouco. Seguide lendo... 🙏👀

🤷🏻‍♀️ 🗺️ Como e onde?

- Para todo o profesorado e persoal non docente, e tamén para o alumnado que xa participou en actividades do EDLG: pásadevos pola aula 12 e recollede a vosa!

- Se aínda non participastes en ningunha proposta do EDLG, queremos animarvos a facelo: deixade o voso comentario nesta entrada, e poderedes recoller a vosa pegatina tamén na aula 12.

⏳ 🗓️ Cando?

Desde hoxe, mércores 10 de marzo, ata o próximo xoves, 18 de marzo.

👉 Por certo, que tódalas vosas achegas e suxestións serán ben recibidas, así que esta é unha invitación para toda persoa que queira contribuír á dinamización e mellora deste blog. Procuredes ou non a pegatina... animádevos a teclear! 📩 💻

Día das Mulleres

👭💜 O 8M sempre chega co comezo da primavera, este ano desexamos que agrome dun xeito máis visible, máis xusto, máis digno. 
 
💁‍♀️ Dende o século XIX ata hoxe, de diferentes formas, as mulleres levamos reivindicando o dereito á igualdade. Como en Bread and Roses, seguimos a reclamar dignidade e respecto para os nosos traballos. Queremos por de manifesto as desigualdades, as diferenzas salariais, as persoas que traballan de maneira invisible.

🗓️ Este ano o 8M está dedicado a todas as persoas que se ocupan dos coidados, queremos darlle visibilidade, darlles recoñecemento pois sen elas, sen o seu labor, o mundo para.

🤔A pandemia puxo en evidencia, máis que nunca, que as mulleres somos imprescindibles, que sen alimentación e coidados non é posible a vida. Queremos salientar aquelas mulleres que se ocupan dos coidados facendo un labor fundamental para a sociedade. Coidados de crianzas, de maiores, de dependentes, da nosa saúde, da alimentación… 

Persoas que dedican a súa vida con responsabilidade para que todo funcione, para que a terra siga xirando porque... se elas paran, o mundo párase.

☝️⚖️ Cómpre recoñecelo, é de xustiza. Queremos empezar polo achegado, o próximo, o cotiá. Nos centros de ensino, de saúde, hai mulleres traballando silenciosamente, mulleres invisibles que cada día se responsabilizan de que todo esté en orde, limpo, e coidado cando chegamos. Nas casas, as nais e avoas, as traballadoras do fogar, coidan das persoas, de levar adiante a vida, de que nada falte. Nos hospitais a meirande parte mulleres son as que se ocupan dos coidados das persoas. 

É pois de xustiza recoñecer, poñer en valor e respectar o seu traballo, cando na meirande parte dos casos, son tamén estas mulleres as que se ocupan dos coidados das súas propias familias.

As mulleres queremos Pan e Rosas, isto é igualdade, cooperación, reparto nas tarefas, nos coidados, nas responsabilidades.

Queremos mover os marcos cara a unha sociedade xusta, proxectar unha visión máis ampla e considerar a súa importancia tanto no noso medio como a nivel social.
 
Polos dereitos e liberdades que nos son roubados, pola emancipación, a independencia e a dignidade. Por NÓS, polo FEMINISMO!    
Ilustración de María Serrano

Ilustración de Miss Toxo

Infinitamente agradecidas

Nós só puxemos unhas palabras introdutorias (nada sinxelo reducir a uns parágrafos tanto talento!). Vós puxestes a voz, o rostro e a interpretación que tan xenerosamente nos regalastes. Un agasallo que non acadaremos a agradecer cunha entrada nun blog que agora xa ten máis valor, xa que formades parte del.

🤗💜 Mil grazas a tódalas persoas que participastes nesta actividade. Que privilexio poder ver e escoitar a Rosa Enríquez, Andrea Nunes, Carlos Prado, Beatriz Barcia, Xabier Vázquez, Eli Ríos e Goretti Sanmartín Lendo a Rosalía.

Con todo o noso afecto, o EDLG do Macías dedícavos esta Negra Sombra coa que Sabela Ramil, espontánea e maxicamente, arrinca a cantar tan fermoso, atrapando oídos, abrindo bocas... tocando corazóns:

Na fronte unha estrela, no bico un cantar...esta é Goretti Sanmartín

E para por o ramo das lecturas rosalianas e próximo ao 8M, ninguén mellor que Goretti Sanmartín Rei, filóloga, escritora e política galega, mais cómpre coñecer unha outra Goretti, máis cercana, amiga e sempre solidaria.

Muller afouta, reivindicativa, culta, feminista libre e avanzada. Si, Goretti é filla dese libre pensamento que loita por romper cadeas que oprimen, como no seu tempo foi Rosalía de Castro.

Goretti Sanmartín é un referente no espazo público, político e cultural do país.

Un pracer escoitala, sempre na procura do ben común. Amosa unha presenza discreta e maina ao principio, logo comeza o discurso, imponse o silencio, e é aí cando te atrapa nos camiños do entusiasmo, coa súa forza dialéctica, as ideas claras e a palabra xusta.

Ten a sensibilidade do próximo e do alleo, do evidente e do que se move nas marxes. Dous son os piares que marcan o seu ritmo vital, o activismo e a implicación na lingua e no feminismo. A lingua, orgullo do país coa que construimos a realidade e feminismo coma loita incensante para transformar a vida das mulleres. Sempre a carón das mulleres que sofren, mulleres silenciadas, oprimidas...todas son obxecto da súa inquedanza. 

Por iso hoxe, merecido é o seu espazo porque "é o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da dignidade e por que non? da felicidade" como dicía a súa entrañable amiga Begoña Caamaño.

Eis aquí a orixinal achega de Goretti Sanmartín.

"Pasa, río, pasa, río" na voz de Eli Ríos

Todos os ríos levan ao mar, sonoro, maino, ás veces bravo, esta é a quenda dela, tamén maina e brava...  ela é Eli Ríos.

Escritora e poeta feminista é, sen dúbida, unha das referentes no mundo literario galego. Nacida en Londres ao mesmo tempo que o punk rock, guerreira, artista completa e comprometida. Muller ecléctica, de asfalto e sendeiros.

Eli colabora en diversas obras colectivas, realiza obradoiros de escrita, obradoiros de igualdade, contacontos infantís e forma parte da revista dixital de crítica literaria feminista A Sega. Nas súas creacións está implícita a denuncia e a reivindicación constante.

Maniféstase en contra dos silencios e violencias que constrúen cadeas ao redor das mulleres. Muller de periferias. Eli Ríos é irreverente coas inxustizas. Nada lle é alleo.

Remove a imaxinación ata conxugar as ideas que quere trasladar ao mundo adolescente que a teñen como unha muller cool, dinámica, espacial e especial.

Coñecida no mundo literario polas súas novelas e poesías mais tamén por obradoiros, charlas, roteiros... Moit@s tivemos o privilexio de gozar do seu talento e partillar as súas ensinanzas no noso centro.

Disfrutade de “Pasa, río, pasa, río” na voz de Eli Ríos.