25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

💜 25 DE NOVEMBRO

Nesta data tan relevante, faise preciso levar ao alumnado a importancia de ter tolerancia cero ante calquera actitude machista. Por desgraza, moitas veces rematan en casos terribles de violencia.

O EDLG quixo contribuír, como cada ano, á conmemoración deste día con varias achegas que amosan o seu firme e claro compromiso con esta causa. Agradecemos ás alumnas que participaron a súa boa disposición e interese por formar parte desta proposta.

Matilde Pena, coordinadora deste equipo, escribe este manifesto, tan necesario e imprescindible na coeducación do noso IES, para conseguir unha sociedade igualitaria, respectuosa coas mulleres, sen violencias machistas. Presentamos así Abrindo portas... "quererte é a chave", coa marabillosa voz da nosa alumna de 2º Bacharelato Naiara Romero Morono

Abrindo portas... "quererte é a chave"

O seguinte poema, Perdémonos na primavera, escrito tamén por Matilde Pena, foi interpretado pola nosa alumna de 4º ESO Saray del Río Pérez, magnífica neste vídeo que podedes ver aquí:

 
 
Tamén o EDLG colaborou co centro na organización da semana de actividades relacionadas co 25N. Visitou a nosa Biblioteca a xornalista e escritora galega Montse Fajardo, autora de obras como Invisibles ou Matriarcas. Presentada pola poeta Rosa Enríquez, profesora de Francés do noso centro e sempre fel colaboradora do equipo, a autora falou coa rapazada sobre o machismo e a violencia nas relacións, e o indispensable que é rexeitalo e denuncialo.
 


                 

 
Para saber máis sobre ela, deixámosvos esta entrevista que recentemente concedeu a Orgullo Galego:
 
 
👉 Por último, unha ligazón ao post do curso pasado, onde atoparedes máis información sobre este día (por exemplo, a historia das irmás Mirabal): preme aquí! Non esquezas visitar tampouco a nosa XANELA VIOLETA.

SOMOS PANDEIRETEIRAS!!

💜 Que sorte a nosa poder formar parte deste grande proxecto: SOMOS PANDEIRETEIRAS.

Este martes o alumnado de 3º ESO viviu unha experiencia cultural moi diferente, cuxo obxectivo foi empoderar ás mulleres pandeireteiras. E claramente se conseguiu.

Dirixidas por Ana Fernández e Mercedes Peón, e axudadas por 5 rapazas pandeireteiras da asociación cultural Rosalía de Castro de Padrón, lograron crear un obradoiro no que aumnado e profesorado puido gozar da música e tradición galegas. Primeiro, escoitando a Ana falando da orixe e do contexto das pandeireteiras e do lugar que ocupan hoxe, da importancia da transmisión oral e do imprescindible que se fai conservar ese legado.

Agracedemos ao centro ter apostado por este tipo de iniciativas, e aos departamentos de Música, Bioloxía e Xeoloxía e Lingua Galega a súa colaboración.

👀 Velaquí as probas de todo o talento musical que vivimos nese salón de actos!!:

 

XII Día da Ciencia en Galego

📆 👩‍🔬👩‍⚕️Desde o ano 2010 celebramos en novembro o Día da Ciencia en Galego.  

En realidade, o mes de novembro é o escollido por Igaciencia para reivindicar o uso da nosa lingua nas disciplinas científicas e tecnolóxicas.

Velaquí o cartaz desta edición, a XII, dedicada á economía creativa para o desenvolvemento sostible, á intelixencia artificial e aos novos poliedros.

Relacionado con esta temática, lembramos a entrada que fixemos sobre Sabela Ramos Garea, a enxeñeira informática padronesa experta en machine-learning.

Non queremos perder a oportunidade de deixar tamén o capítulo de "Novas voces para a lingua", dispoñible na páxina da Real Academia Galega, no que a psiquiatra Iria Veiga charla co xenetista Ángel Carracedo. Ambos reflexionan sobre o rol que a lingua xoga actualmente no mundo científico nestes case 6 minutos titulados Conseguiremos a alegría de descubrir.

 Novembro, e todos os meses do ano, polo dereito a gozar da ciencia e a tecnoloxía en galego!

Parabéns, Guadi

👏 Moitos parabéns, Guadi!

Guadi Galego, imaxe tomada de descubreas.com

A nosa admirada Guadi Galego, vén de ser galardoada co Premio Meninas, pola súa implicación na loita pola igualdade, "utilizando a arte como transformación social e vehículo no seu compromiso contra a violencia machista". 💪💜

A artista galega comparte esta distinción coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), o Foro Feminista de Lugo, Xeracción Sociedade Cooperativa Galega e Pomba Rodríguez a título póstumo.

🎼 Aquí tedes o vídeoclip do seu tema Matriarcas. A darlle ao play!

Ons, primeira película de Netflix en galego

🎞️🎥 O pasado mes de outubro coñeciamos unha noticia que nos alegrou moito: Ons, filme do que xa falamos neste blog (lembra a entrada), convertíase na primeira película dispoñible en galego na plataforma Netflix. Bravo!

O malo: a única!  🤷‍♀️

               

 

 

Acompaña entón esta película á serie O sabor das margaridas, tamén dispoñible en galego.

 

Que nos dicides? Animádesvos a unha finde de audiovisual en galego? 🍿