Rosalía na voz de Xabier Vázquez

Presentamos hoxe a unha desas persoas especiais, estar ao seu carón é descubrir novos camiños, é gozar, é aprender.

A súa posición ante a vida é apaixonada, sempre na procura da utopía necesaria. Non soñar, para el, limita a vida.

Xabier é MESTRE, deses imprescindibles que a tod@s nos gustaría ter. Amosa entusiasmo en todo o que fai, o mesmo interpreta que debuxa ou escribe contos.

É un  referente incansable como aliado feminista.

Xabier Vázquez é un apaixonado da música, da fotografía, da natureza brava e fértil que medra onde quer.

Mais, o que mellor sabe facer, Xabier Vázquez Parcero é escoitar e falar. O seu uso da linguaxe non é casual, non obedece só á gramática, senón a afectos, ideoloxía ou rebeldía se for necesario.

Entrañable amigo que amosa o cariño onde non chegan as palabras.

Xabier é doutra dimensión, ser xenial.

XVP, docente do IES Félix Muriel de Rianxo.

Rosalía na voz de Beatriz Barcia

Beatriz Barcia é das persoas que amosan felicidade no que sinten, no que cren. É pintora, mestra e actriz.

Métese na pel dos personaxes sen deixar de ser ela mesma e moldea as figuras que aínda silenciadas, transmiten compromiso e denuncia social. Nada lle é indiferente. Crítica e vital pero sobre todo, sensible coa causa feminista.

Dende Lisboa, para tod@s nós, Beatriz Barcia.

Carlos Prado lendo a Rosalía

Hoxe tócalle o turno a Carlos Prado Pampín, xornalista, reporteiro e realizador audiovisual. Director e guionista de curtametraxes como Vellas, unha inesquecible historia de amor entre dúas mulleres da terceira idade nunha aldea galega, finalista nos premios Mestre Mateo e no festival de Cans entre outros, e documentais como Homes de xeo: galegos na Antártida, que narra a vida de tres galegos no polo sur a bordo do Hespérides.

Cineasta marinense comprometido coa súa terra (magnífico embaixador, sempre), coa súa xente, coa lingua e coa súa paixón: o mundo audiovisual. Medrou entre cintas do videoclub de seu pai, e desde rapaz sempre estivo ligado ao universo dos fotogramas. Difícil pensar nel sen un micrófono ou unha cámara en man.

Carlos desborda talento, humor e xenerosidade, e nos le así de bonito Campanas de Bastabales:

Rosalía na voz de Andrea Ai Lala

HOXE, 24 DE FEBREIRO, CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA 
 
Andrea Nunes Briones, muller de experiencias, vividas e por vivir.
Loitadora coa palabra, de voz cálida e comprometida.
Creadora de versos feministas e poética activa.
Muller de apertas cálidas que acougan as feridas abertas.
Serena, soñadora dun futuro de cores diversas e peles salvaxes, sen marxes.
Poeta por enriba de todo, tamén colabora en proxectos de crítica feminista como A Sega.

A Rosalía, amable e serena, de Lidia Cao

👏🎨 Esta semana o noso centro estrea a súa propia Rosalía en forma de mural, a creadora desta marabillosa obra é a artista Lidia Cao. Aquí tedes unhas cantas fotos do proceso creador, así como unha entrevista a Lidia feita por Nerea Carnota. Esperamos que vos guste!

     
    
👉 Para escoitar a entrevista só tedes que premer no seguinte link:

Rosa Enríquez pon voz á Rosalía

Para abrir este ciclo de vídeos comezamos da mellor maneira posible, a poeta interpretada pola voz doutra poeta, a nosa querida Rosa Enríquez, que vai ler Amores Cativos.

Graciñas, Rosa, por regalarnos esta lectura.

Imos aló!

Lendo a Rosalía

Neste mes rosaliano, imos presentarvos uns vídeos especiais, non os perdades! 👀

🤔Por que especiais? Eis a resposta: imos escoitar á nosa poeta a través de distintas voces.
Elas e eles son persoas que teñen en común a vangarda nas ideas, persoas entusiastas en todo o que fan e que proxectan no seu traballo creativo o compromiso coa lingua e coa cultura do país.
Son rebeldes, afoutas e libres como Rosalía. 🌹💜
Son intelectuais e artistas destacados en distintos ámbitos, na pintura, no teatro, na poesía, na docencia, na comunicación... 🎨🎭📖🖋️👩‍🏫🎬🎥

A todas elas e eles, o noso agradecemento pola súa agarimosa colaboración e por permitirnos gozar de novas versións da obra da nosa poeta.


3, 2, 1... Arrinca a semana de Rosalía

📜🖋️ Para abrir a semana, deixámosvos este manifesto-homenaxe á nosa Rosalía, co que o EDLG quere dar comezo a uns días moi especiais para nós, para o noso proxecto... para vós:

Que diría ela!

Ela que respirou ar limpo, que descubriu o significado
en cada abrocho,
en cada coda.
Ela decatouse da semente que, se ben regada dá vida e cultura;
que non podemos ser alleas ao noso legado.

Que diría ela!

Ela que traspasou o tempo e o espazo,
que acreditou no progreso
como refuxio natural de nós mesmas.
Ela que nos alumea para seguir sendo futuro.

Que diría ela!

Ela estaría humildemente garbosa de collermos o facho, de recuperarmos as coordenadas,
de seguirmos as pegadas,
libre e colectivamente.


..."ese é o cantar que cantamos"...    

                         Nós, Rosaliando 🌹💜

Entrega de premios do concurso Castelao

🎁🎁 Hoxe tres rapazas do EDLG do Macías entregaron os premios do concurso sobre Castelao. Saray Del Río, Nerea Carnota e Nerea López déronlle a cada rapaz o seu correspondente agasallo: Miguel, Valentín e Marco quedaron ben contentos!
Aquí as fotos do momentazo:
                   

Vén unha semana chea de sorpresas

👏 Na próxima semana celebraremos o día de Rosalía (24 de febreiro). Temos preparadas varias actividades e algunha gran sorpresa para todas e todos vós. Non deixedes de visitar o blog para ir descubríndoas! 👀👩‍💻👨‍💻

Un adianto para ir creando expectación... 😲😲

                  

Premede nesta imaxe para coñecer a Lidia Cao:

Lidia Cao, imaxe tomada de lanonaolimipia.com

Xa temos podio no concurso Castelao!

📢🏆 Pechado xa o concurso sobre Castelao o pasado venres 12 de febreiro, é hora de anunciar ás persoas gañadoras, que son...

🥇1º PREMIO: Miguel Rial Rodríguez, de 4º ESO B.

🥈2º PREMIO: Valentín Rofríguez Pytel, de 4º ESO A.

🥉3º PREMIO: Marco Soto Viturro, de 4º ESO A.

Parabéns aos 3, rapaces! E graciñas a tódolos/as participantes: tamén así, aprendendo mentras xogades, dinamizades a nosa lingua!

Entrega dos premios: venres 19 de febreiro no 1º recreo, na biblioteca. Esperámosvos, iso si, cumprindo as medidas do protocolo covid.

14 F, laranxas enteiras preparadas para amar

🍊Fuxamos da busca da media laranxa, sexamos primeiro a froita completa! Querernos e amarnos nós, aceptarnos e respectarnos, sen necesidade de ningunha metade que nos complemente. Laranxas enteiras primeiro e, se queres, tamén namoradas.

Reinventamos a solfa dixital e partillamos harmonías con rima asonante para derrubar (os) muros q oprimen (os) afectos.
Non precisamos ir A-Marte para poder soñar o futuro con quen queiramos.
Somos quen de descubrir o verso libre, aceptar as diferenzas é a esencia do bo trato.
Amar en liberdade é rebeldía!!
Amar e respectar cun Love me tender, é a consigna!!

Con todo o noso afecto, o EDLG do IES Macías o Namorado.

Non pare a festa!

🎭🥳 Anque mooooi descafeinado, estamos en ENTROIDO e, polo menos, podemos gozar duns días de descanso. Sen festivais nin xuntanzas, pero agardando que volvan pronto e... que non pare a festa! 

🎧📖 Velaquí a nova canción que Os Amigos dos Músicos veñen de lanzar para acompañar ao libro de Ramón Veiga e David Sierra, Non pare a festa. Continuación de É tempo de Entroido, acaba de ser publicado en Xerais este xaneiro, para entreter e facer gozar a tódolos ollos e oídos, especialmente aos da cativada. Dádelle a play!

           

É tempo de entroido! from Xerais on Vimeo.

                                
Os Amigos dos Músicos, imaxe tomada de rtve.es

11F Día da Muller e a Nena na Ciencia

🧬🧪🔬Hoxe celébrase o día da Muller e a Nena na Ciencia, este ano dedicado a xenetista Jimena Fernández de la Vega, primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa súa irmá, Elisa, onde acadou ademais o premio extraordinario.

A Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) destaca como esta científica tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España.

Jimena Fernández de la Vega, imaxe tomada de elcarreo.es

Nestes tempos pandémicos, bótanse de menos as prácticas de sempre, as de enredar, as que emocionaban ao alumnado, que recollía con ollos de sorpresa e ilusión esa frase de "hoxe toca ir ao laboratorio!". Agora que estas actividades se viron reducidas a algunha pequena experiencia na que se deben ter en conta tódalas medidas do protocolo da covid-19, o EDLG, en colaboración co departamento de Bioloxía e Xeoloxía, quere facer esta pequena homenaxe ás nosas alumnas, visibilizando así o relevante papel da muller na ciencia ao longo da historia. Por MÁIS referentes de MULLERES NA CIENCIA! 🦠🩺💜

En febreiro... Nós, Rosaliando!

Como non podía ser doutro xeito, febreiro adicámolo á nosa ROSALÍA, figura imprescindible das nosas letras, que ademais dá nome a este blog.

        

O EDLG está a preparar unhas cantas bonituras que esperamos vos inspiren e emocionen tanto coma a nós. Tamén vos sorprenderemos co material no que traballa a rapazada que forma parte ou colabora co equipo.

Así que xa sabedes, anque continuaremos manténdovos na máis rabiosa actualidade da dinamización da lingua galega... en febreiro, NÓS, ROSALIANDO!🌹💜

O día dos medios en galego

Co motivo do Día dos medios en galego fala Ángel Carracedo, xenetista de referencia mundial, que "proximidade e entusiasmo son claves en comunicación", razón pola que escolle o galego para divulgar a ciencia no noso país, para achegar a cultura científica á cidadanía, facendo a esta, tal e como afirma, máis libre.

Explicar ciencia en galego é unha forma máis de poñer en valor a nosa lingua.  Non vos perdades o artigo completo, premendo aquí.

Ángel Carracedo, imaxe tomada de gciencia.com

Debutamos nos concursos!

📢 Primeiro concurso da etapa virtual do EDLG !!

Hoxe, ás 16h, abrirase o concurso sobre Castelao para todo o alumnado do noso centro. No noso blog, adicamos no mes de xaneiro 3 entradas a este importante referente da cultura galega. Se navegas polo arquivo, podes rememoralas.

🧐🧠💻 Propoñémosvos, agora que xa comezamos novo mes, pechar o noso homenaxe a Castelao participando nun concurso sobre el. Teredes que realizar unha serie de pescudas e entregalas na aula virtual dentro do prazo marcado (antes do venres 12 de febreiro, ás 20h), pero tendo en conta que o tempo de entrega é importante. Non o deixedes para o final!!

👉 Podedes acceder ao concurso na aula virtual, no noso novo apartado: EDLG (graciñas ao equipo directivo e ao coordinador TIC por ubicarnos nun espazo propio!😉). Aí atoparedes as bases para participar.

Hoxe casan os paxaros!

🕊️🌼🦋🌸 Hoxe rendemos homenaxe a este bonito refrán galego, casan os paxaros e recende xa a primavera!!

     Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra

     Que chore, que deixe de chorar

     Metade do inverno está por pasar

 

Parabéns a tódalas Candelas!!