Orgullosas da nosa lingua, mergullámonos nela

 👍🙋Rematamos este curso facendo referencia ao que nos move, nos envolve, nos pon a flote a pesar das dificultades. Estamos a falar da lingua que nos permite mergullarnos e rexurdir unha e outra vez.

Ilustración de Leandro Lamas

Vestímonos de mar

Como explicar que non nos doe a historia deste país, tantas veces silenciada?

como suplantar as nosas palabras de lingua afogada, esquecida

sen grande dor?

Como rebelarnos contra a auga que nos atrapa?

Como resistir ante a corrente efémera que nos arrastra

sen sucumbir ao  temporal?

Este ano, vestímenos de mar,

para vogar -en contra do vento-

falando a lingua que nos identifica como pobo,

como terra, como cultura.

A nosa identidade, a cotío desprotexida, usurpada,

tentan calarnos

          invadirnos,

                          ignorarnos

mais nós

          irreverentes

                           furiosas

                                      combativas...

                                                               Somos de mar!

Doe a matria perdida e asolagada,

afogada e mergullada por tantas outras,

doe non escoitar a música das caracolas, agora silenciadas.

Doe a pel ferida de nostalxia,

de tanto navegar ao bambeo das ondas, sen rumbo

doe arar na marusía e non ter froito.

                                                             Son de mar!

Tentamos evitar a utopía, como se de algo irrealizable se tratara,

como heroínas dun naufraxio,

acreditamos nela para non esmorecer, tenderlle a man.

Somos inadaptadas no propio país,

Somos mulleres bregadas, de sal, feitas para resistir.

Sereas con horizonte claro para chegar ao porto.

                                                      Somos de mar!

Todas, somos poucas para garantir a súa supervivencia

tenderemos redes afectos, ronseis de empatía, de ilusión...

para defender a liberdade do que cremos xusto.

Como prescindir das miñas palabras?

area      rocha      dorna      argazo      arela      cuncha...

como negar a miña voz, a miña pel, a miña orixe?

Lembrade 

                                                   Son de mar!

Abride a fiestra, preciso respirar,

abride a fiestra que quero ver o mar, dicía a poeta

a nosa poeta!!

                                                  Era de mar!

                                                                                                       Matilde Pena (Coordinadora do EDLG)


Con este poema, Vestímonos de mar 💦, agradecemos ás profas e alumnas partipantes no blog 💜, ás 4000 visitas💥 que visualizaron este blog.

                              

Tempo de lecer, tempo de ler

💁‍♀️📖 Antes de coller as ansiadas vacacións, non podían faltar as recomendacións literarias do EDLG do Macías. Tomade nota!! 📝 

 1º ESO

  • Douche a miña palabra de Fran Alonso. Editorial Xerais.

1º e 2º ESO

  • Rumbo a Grecia sen poción máxica, da colección Astérix, Astérix nos Xogos Olímpicos (sobre a dopaxe no deporte).

DE 1º A 4º DE ESO
  • As rapazas non saben pegar de T.S. Easton, as decisións dunha moza de 15 anos despois dunhas clases de boxeo. 
BACHARELATO E PERSOAS ADULTAS

  • Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros, da investigadora Xoana Pintos, da Editorial Galaxia. Achega que pon o foco nas primeiras mulleres científicas e os prexuízos que tiveron que vencer na Universidade.

  • Celtas, castrexos e romanos. Á procura dun pasado na historia de Galicia de Francisco González García, Editorial Xerais. Libro histórico que plantexa onde se sitúan as orixes dos galegos.

As Ladras premiada en Olloboi

🎥🎞️🏆 O festival audiovisual Olloboi vén de fallar os seus premios, entre os que destacamos a curta documental gañadora, As Ladras, de Daniel Vázquez Fernández e Ángela Taboada.

Moitísimos parabéns polo merecido galardón!

Novidades musicais para gozar no estío

 💁‍♀️🎧Se seguides o blog, de seguro que sabedes o que nos gusta estar á ultima nas novidades musicais. Aquí tedes unhas cantas propostas, esperamos que gocedes con elas tanto coma nós! 
  • Reggae en galego

A banda High Paw e Elephants Yard tira novo proxecto musical cun novo estilo, o CD que leva por título Novas Herbas.

  • Baiuca estrea Embruxo
Álbum conceptual de Baiuca sobre a Galiza máis ancestral (folk e música electrónica).
  • Trilitrate publica Está de grelo
Rubén Abad, Marcis Padía e Elena Vázquez sacan o 3º álbum de folk experimental (mestura de country e flamenco).
  • Pauliña e os seus Remordementos
Remordementos é o novo traballo desta artista emerxente. Mestura de estilos (reggae e punk) e letras (amor e loita).

Entrega de premios concurso Re-Creamos as palabras

📷 As fotos deste pequeno acto merecían a súa propia entrada, porque ulen a ilusión, a esforzo recompensado, a creatividade e a case vacacións!!

👉 Velaquí o momentazo en imaxes, que tamén podedes ver no noso insta:

                          
                         


Premios do concurso Re-Creamos as palabras

📢 Por fin o tan esperado día no que anunciamos ao alumnado premiado no concurso Re-Creamos as palabras. Vaia por diante o noso agradecemento infinito a toda a rapazada que participou neste concurso, dando forma así á exposición sobre Xela Arias que con tanto coidado preparou o EDLG.  

🏆 Velaquí o podio:

🥇1º PREMIONoelia Negreira, de 2º ESO B, por Darío a diario.

🥈2º PREMIOAntía Orosa e Rita Miguéns, de 2º ESO A, por Incéndiate.

🥉3º PREMIOMarcos Barros, de FP Básica, Electricidade, por Escualos.

🏅4º PREMIO: Héctor Vázquez e Sheila Morono, de 1º ESO A, por Xela Arias letra a letra.

Moitos parabéns polas vosas magníficas creacións. 👏😍

Entrega dos premios: xoves 3 de xuño no 2º recreo, na biblioteca. Esperámosvos!!