Bo Nadal!!

Tempo de Nadal, tempo de lecer!! 🎅🎄


     
 

Xa está aquí o Nadal e, desde o EDLG do IES Macías o Namorado tentamos, unha vez máis, ofrecervos algunhas opcións para que gocedes nos momentos de lecer. Coma sempre, procuramos seleccionar información variada sobre as últimas novidades culturais para rapazada, mocidade e xente adulta. Tomade nota!

🎧 TWITCH
 
Tempo de Nadal, tempo de Divulgación!! 
 
Comezamos cun proxecto de divulgación científica en plataforma dixital, Balea Vermella, de Iria Veiga (psquiatra) e Javier Balea (químico). Twitch en galego que permite non só a divulgación en ciencia, senón tamén a posibilidade de comunicarvos a través do chat interactivo, para facer brincadeiras e establecer conversas. Premede na imaxe!


  
🎼 MÚSICA

Tempo de Nadal, tempo de Sons!!


- Neste caso presentamos o traballo deste grupo independente de música pop, disco e trap galego que comezou en 2019, chamado Verto. Está composto por Alberto Mira "Verto" e Fernando Peleteiro "Fer". Considerados un dos grupos máis escoitados de música pop en galego, tendo millóns de escoitas na plataforma Spotify.
Escoitade Oie Gayego aquí:
 
 
- Seguimos con novidades: a estupenda, a enigmática, a magnífica Su Garrido Pombo, quen, ao respecto dos seus traballos, di: ”o que fago é mesturar cousas, con letras propias, con poemas…”. Su presenta o seu último traballo, A Horta do Berbés, que podedes ver aquí:

                       
 
- O compositor rianxeiro Carlos Cernadas, fusiona folk e rock no novo traballo Castrexos, capítulo 2 do proxecto literario, histórico e musical, Sons of Exodus. Este novo álbum serve de banda sonora a un relato de fantasía histórica ambientado nunha aldea costeira hai máis de dous mil anos. Premede na imaxe do álbum!

     
 
📖 LIBROS

Tempo de Nadal, tempo de Lectura!!

A edición de 2021 dos Premios Xerais de narrativa recaeu na escritora compostelá Berta Dávila: galardón Joules Verne de Literatura Xuvenil con Un elefante na sala de estar, e premio Xerais de Novela por Os seres queridos. Podedes ler a reseña da Asociación Galega de Editoras aquí.
 
 
👉 PARA A MOCIDADE
 
- O Consello da Cultura Galega publica, en banda deseñada para os máis novos, unha historia baseada en feitos reais de dúas mestras galegas que protagonizan, en 1901, un dos primeiros matrimonios do mesmo sexo. A autora é Xulia Vicente.



- Dúas Moedas de Nuria Tamarit, trata dunha adolescente europea, Mar, viaxa a Senegal na compaña da súa nai onde descubrirá unha cultura moi diferente, unha paisaxe dunha beleza insólita e unha forma de vida peculiar e distinta ao que está afeita.

                      

- Mamá quero ser Ziggy Stardust de Iria Misa. Aine, de maior, sería igual que Ziggy Stardust, un músico marciano que podía ser todo o que lle dese a gana. Coa axuda de Thomas, o seu inseparable amigo imaxinario, íao lograr.
 
                  

- Mariquita: una historia autobiografica sobre la homofobia. Nesta novela gráfica e autobiográfica o autor, Juan Naranjo, narra a historia da súa vida na que moitas persoas se verán identificadas.

    
 
- Ardora, de Beatriz Maceda, obtivo o II Premio Mª Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Cando as nais de Nereida marchan de xira, ela e máis os seus irmáns Andón, Magana e Kuru, quedan ao cargo da súa tía Lola. Terán unha vivencia que marcará as súas vidas para sempre e que lles ensinará a importancia de coidar dos nosos mares e das criaturas que neles habitan



- Oito días sen Eva Cortés, Editorial Galaxia. Premio de narrativa Illa Nova 2021, escrita por Sara Vila Alonso. A desaparición dunha rapaza en Pontevella sacode á cidade mentres a prensa local comenza a furgar na súa vida familiar e nas relacións persoais.



- O Círculo Escarlata, de César Mallorquí, trata dun adolescente aficionado á literatura de ciencia ficción e durante unhas vacacións cos primos, descobre un misterio que se remonta a varios séculos atrás.
 
                 

👉 PARA A IDADE ADULTA

- Golpes de Luz, é a última novela de Ledicia Costas. Unha novela tenra e chea de humor sobre os segredos que marcan a vida de tres xeracións dunha familia na Galicia rural.
 
               

- Receitas de inverno desde a comunidade. A premio Nobel Louise Glück sorpréndenos con este poemario traducido ao galego. É un libro sorprendente. A través dos seus poemas, Glück, colócanos ante a fiestra do único que realmente coñecemos: A VIDA.

                 

🎬 CINEMA

Tempo de Nadal, tempo de Ficción!!

- Valentina, película de animación dirixida por Chelo Loureiro. Primeira película galega cunha protagonista con síndrome de Down que quere ser trapecista e pensa que por ter este trastrono non o conseguirá.



- A directora de cine, Ángeles Huerta, dirixe o filme de ficción O corpo aberto, baseada no relatos Arraianos de Méndez Ferrín. Lede a noticia de filmax aquí.
 
A directora Ángeles Huerta, xunto ao actor Tamar Novas
...........................................................................................................................................................
 
💁🏻‍♀️ Estas son algunhas das suxestións que vos ofrecemos para que para que teñades un Nadal máis entretido, ameno e divertido. Esperamos que sexa unha lisataxe útil e atopedes opcións do voso agrado. 🤗📝

🥳 E xa para rematar, queremos felicitarvos estas festas, tomando prestada a postal que elaboraron no noso querido e admirado IES Félix Muriel de Rianxo:
 

Os nosos mellores desexos a todas as persoas que seguides este blog!! 
 
MOI BO NADAL e FELIZ 2022, que veña cargado de boas novas e sobre todo de moita saúde!!

A Palabra do Ano 2021

                  


 

 

🤓 A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren, a través do Portal das Palabras, a fase de votación popular para escoller a Palabra do Ano 2021. Tras a fase de recollida de suxestións, as voces finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2021 son:  

                                  coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras, vacinódromo

⏳ O prazo de votación permanecerá aberto ata as 23:59 horas do sábado 25 de decembro de 2021 nesta ligazón:

                                    👉 http://portaldaspalabras.gal/palabradoano/

Anímate a participar!!

Días de cine e museo

🤗 Esta semana saímos a Santiago de Compostela co alumnado de 1º ESO!

🎬🍿 O EDLG organizou unha visita ao NUMAX, para participar con este alumnado no seu programa, NUMAX na escola, nesta ocasión para ver a película "O Principiño", en francés e subtitulada en lingua galega.

🌍🌱🦅 Ademais, este equipo contou coa colaboración do departamento de Bioloxía e Xeoloxía, posto que a saída se completou coa visita guiada ao Museo de Historia Natural Luís Iglesias. A rapazada coñeceu a sección de zooloxía, botánica e xeoloxía deste espazo, coñecendo a biodiversidade que ofrece, e tamén a colección de minerais e rochas que alberga, do que máis lles impresionou.