Exposición Xela Arias

Remata o mes das nosas letras e, a modo de colofón, queriamos adicar unha entrada á exposición de Xela Arias que o EDLG organizou para conmemorar este 17 de maio. 

🎨♻️Ademais das artistadas dalgunhas compoñentes do equipo, queremos agradecer a boa acollida de toda a comunidade educativa, especialmente do alumnado que colaborou elaborando as súas propias creacións con material de reciclaxe.

🎬🎼 E, para mostra, esta presentación, acompañada de Tigres coma cabalosde A Banda da Loba. Esperamos que vos guste!

O galego mola moito!

🎤🕺O galego mola moito... e tanto que si!

O equipo afouteza, formado por un grupo de rapazas e rapaces de 1º ESO, e dirixido pola profesora Vanessa Martínez, présentanos, en primicia, O galego mola moito, con letra escrita por elas e eles e música do grupo The Interrupters (canción: Control).

Mil grazas a este alumnado tan activo, por colaboraren na dinamización da nosa lingua nesta semana de Letras Galegas. Parabéns polo traballazo que fixestes e a posta en escea, quedouvos espectacular! 🔝👌😎😷

17 de maio, Letras Galegas!!

📜 Hoxe é Día de Letras Galegas!!

Para facer a nosa particular homenaxe á poeta Xela Arias, o EDLG do Macías o Namorado contou novamente coa colaboración da nosa querida Rosa Enríquez, compañeira e tamén poeta, que nos le neste vídeo un dos poemas da obra Denuncia do equilibrio.

Graciñas, Rosa, por poder contar contigo sempre.

👉 Se queredes saber máis sobre Xela Arias, lembrade que temos publicada a súa biografía neste blog. 

Moi feliz día e moi longa vida á nosa lingua!!

Hasme oír... cos versos de Xela Arias

📀🎙️🎧 O coñecido grupo galego A banda da Loba vén de agasallarnos con esta marabilla, Tigres coma cabalos, de Xela Arias. Deixámosvos a gravación en directo desta interpretación dos versos de Xela, incluída no seu novo álbum Fábrica de luz. Dádelle ao play!

Marga do Val no noso IES

📅 Mañá, venres 14 de maio, teremos a sorte de recibir no noso IES, vía telemática, á escritora, crítica literaria e profesora viguesa Marga do Val. Gran coñecedora de Xela Arias, Marga achegará a vida da poeta á rapazada de 4º ESO, mediante unha charla-coloquio organizada polo EDLG.

💁‍♀️ E para presentarvos á nosa convidada, nada mellor que gozar desta lectura que nos fai de A de quen comprende, poema que Xela Arias lle dedicou a Rosalía de Castro. A elección non puido ser máis acertada!

👉 Actualización: Neste vídeo accededes á lectura do poema co que Rosa Enríquez deu comezo a esta xornada, seguida dos primeiros minutos da charla de Marga do Val:

Tan rebelde, tan inconformista, tan Xela

XELA ARIAS, Letras Galegas 2021. Neste mes de maio de Letras Galegas queremos achegarvos á vida da poeta cunha pequena biografía sobre ela: 

Fonte: nosdiario.gal
Fonte: praza.gal

👧✏️ A súa infancia

Xela Arias Castaño nace en Sarria (Lugo) un 4 de marzo de 1962. María de los Ángeles, que así se chamaba, acabaría mudando o seu nome polo de Xela, amosando xa moi cedo o seu claro compromiso coa lingua.

Fonte: academia.gal, arquivo familiar

Fonte: academia.gal, arquivo familiar

Foi a maior de cinco irmáns, e os seus tres primeros anos de vida transcorreron na contorna de Granxa de Barreiros. En 1969 a súa familia trasládase a Vigo, cidade á que sempre estaría vinculada. Aos 11 anos gaña o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho, co seu conto A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia. Escribe en galego, pois pensa que, ao igual que nós aprendemos castelán, tamén a xente doutras partes do mundo pode facer o esforzo de aprender o noso idioma. Así o afirma na entrevista que lle fixeron no Faro de Vigo. Premede aquí para lela!

👩🗞️✊ A mocidade e a adultez: "elixín as rúas antes cás aulas"

Con 18 anos decide abandonar os estudos e seguir a súa formación por outras vías, non tanto as puramente académicos, cuestionándose deste xeito o sistema educativo da época, co que non sentía encaixar.

En 1982 comeza a escribir os seus primeiros poemas, e tamén os primeiros textos en revistas e xornais. Participa en recitais poéticos, proxectos, homenaxes... ata que en 1986 publica Denuncia do equilibrio, de Edición Xerais, obra onde se desmarca da poesía imperante dos anos 80, rompendo formalmente segundo algúns autores o código poético, o tratamento do amor e a súa desmitificación; foi finalista do premio Losada Diéguez.

Traballa durante 10 anos en Edicións Xerais de Galicia e, a partires de 1990 e ata 1996, foi correctora de estilo da editorial.

Editorial Xerais en 1989. Fonte: xerais.gal

Foi en 1990 cando decide retomar os seus estudos e licenciarse en Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, e despois en Galego-Portugués. Compatibiliza por tanto os seus estudos universitarios co seu traballo como correctora e editora, ademais de tradutora, vertendo ao galego obras de numerosos autores coma Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter, Baudelaire ou Alice Vieira, labor polo que recibe recoñecementos como a Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro.

En 1992, Xela casa co matemático e fotógrafo Xulio Gil Rodríguez, con quen ten ao seu fillo Darío dous anos despois. Separaranse xudicialmente en 2002. Da experiencia da súa maternidade agromará Darío a diario.  

Nesta época a súa actividade literaria é intensa, tanto como tradutora (Drácula de Bran Stoker, Venus Negra de Angela Carter) como autora de poemas en antoloxías (Río de son e vento. Unha antoloxía da poesía galega...) e en libros colectivos (Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas...). Participa tamén en homenaxes literarios, xornadas e congresos, recitais poéticos...

Alén do seu evidente compromiso lingüístico, destaca tamén o seu activismo social, como así amosan as accións de protesta pola montaxe en castelán de catro obras de Valle-Inclán por parte do Centro Dramático Galego, a colaboración con varios proxectos de ONG, a lectura da declaración "Pola paz mundial" na manifestación contra a guerra de Iraq ou a súa implicación coa mobilización cidadá Nunca Máis contra a xestión da catástrofe do Prestige.

Nos últimos anos exerce como profesora de ensino secundario na materia de Lingua e Literatura Castelá en distintos centros de Galicia.

Falece o 1 de novembro de 2003, aos 41 anos, por mor dun ataque cardíaco. 

📖💜 O legado de Xela, poesía desobediente e transgresora que creba a quen a le

Tras darse a coñecer con Denuncia do equilibrio en 1986, escribe Lili sen pistolas, libro todavía inédito, finalista do Premio Esquío.

O seu segundo libro publicado, Tigres como cabalos, abre unha nova década na traxectoria literaria da poeta. Inclúe 48 fotos en branco e negro e 48 poemas. A mesma Xela e Xulio Gil anotan: "Nin pés de foto, nin ilustracións ao texto. Se tal, a historia". A exposición que acompaña á obra percorrerá diferentes lugares ao longo de 1990. 

En 1996, os 23 poemas de Darío a diario, ademais de seren un agasallo ao seu fillo Darío, buscan desmitificar a maternidade e a idealización de todo o que a esta cuestión arrodea.

En 2003 publica Intempériome, considerada por moitas e moitos a obra máis persoal da autora. Desta obra podemos escoitar varias entrevistas e lecturas dalgúns poemas na voz de Xela:

Entrevista a Xela Arias (I)

Entrevista a Xela Arias (II)

Xela Arias recita Intempériome (I)

Xela Arias recita Intempériome (II)

Xela Arias recita Intempériome (III)

👉 Para saberdes máis sobre Xela, deixámosvos a ligazón aos seis capítulos que forman a serie documental que a Real Academia Galega ten publicada na súa páxina web: A palabra esgazada.

Webgrafía

academia.gal Xela Arias. Declárome inconforme, por Ana Romaní

xerais.gal Xela Arias. Letras galegas 2021

prazagal Entrevista a Chus Nogueira

culturagalega.gal Contidos multimedia sobre Xela Arias

galiciadixital.com

O alumnado presenta a Xela Arias

🎧👄📃 Nesta caso, desde o EDLG animámosnos a empregar o formato podcast, para o que contamos coa colaboración da nosa alumna de 2º ESO Sara Bustelo Otero, quen empresta a súa voz para introducirnos á homenaxeada nestas Letras Galegas 2021, Xela Arias, a través da lectura do texto escrito por Matilde PenaA emerxencia da poesía.

Esperamos que vos guste!

Podcast A emerxencia da poesía

Graciñas, Sara, pola túa participación!👌😉