Seareiras de Xela Arias

Xela Arias. Fonte: RAG
Xela Arias. Fonte: RAG
A emerxencia da poesía
Encadeadas palabras para facernos máis libres,
contradicións aposta,
para adentrarnos neste mundo das abstracións persoais
ou para resolver enigmas esenciais.
Harmonía e coherencia non son necesarias no exercicio da escrita;
arritmias e pulso intimista e asimétrico lévanos a sentir,
a coñecernos, a esculcar en nós mesmas.
O exercicio da creación poética é instrospectiva,
con xérmolo para medrar no persoal,
mais tamén con perspectiva de futuro,
de renovación
porque a POESÍA enténdese revolucionaria,
nada estéril,
convida ao activismo,
á resistencia,
á evolución,
ao progreso.
A poesía de Xela Arias ofrécenos, a chave para mergullarnos,
espirnos na topografía do interior,
dos afectos,
para resolver, ou non, dúbidas existenciais,
unha visión para esnaquizar pantasmas interiores que nos asfixian.
Así, a poeta mostra unha desorde de sí mesma para se recompoñer,
acadar o equilibrio que rexe a esencia,
nun ir e vir, nun debater vital constante.
O seu inconformismo social,
a necesidade de entender o humano, sempre contraditorio,
reflícteo nas súas achegas transgredindo o establecido,
na lingua que sempre amou porque "un pobo que se alonxa da súa lingua, alónxase da súa cultura".
Somos seareiras desta Xela, intimista, transgresora, liberadora, reivindicativa...
Eis o seu legado sempre vivo, onírico e real.
                                                                                                                                       Matilde Pena
                                                   Onde cantan os poetas
                                                   a nos lembra-lo que non foi,
                                                   ou puido ser.
                                                                              Xela Arias                                     

Re-Creamos as palabras

Dende a EDLG lanzamos un novo reto dentro dun ciclo de actividades arredor da figura da poeta Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas 2021.

Esta actividade vai dirixida a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado, pais e nais).

Anímate a participar, só tes que seguir os seguintes pasos:

1º PASO

Trátase de elixir a palabra, título de obra ou poema, frase... que máis che guste ou inspire dentro da obra de Xela Arias.

Debes escoller unha palabra coma por exemplo ave, cabalo, folla de outono, lúa, estrelas, sereas, corpos...ou un título, Tigres coma cabalos, Denuncia do equilibrio, Intempériome, Darío a diario...ou unha frase, De certo a vida ía en serio, Trouxen augamel para agasallarte, Fogar, a xaula onde nos encerramos...Podes facelo tamén a través de diferentes entradas que iremos publicando no Blog ou nos poemas de Xela Arias que consultes pola túa conta.

2º PASO

Re-crea a palabra, título, frase elixida de forma creativa.

Con que materiais? Con calquera, reciclados, reutilizados (cartolina, cartón, papel de agasallo, madeira, plástico, vidro, pedra, tea, cortiza, arame, botóns, las, fíos....

Con que técnica? Técnica libre (debuxo, collage, montaxe, fotomontaxe), todo vale, así que deixa voar a túa imaxinación!

A idea é que palabra e representación estean relacionados dalgún xeito. Aquí tedes exemplos que vos podes inspirar:


3º PASO

Para entregalo:

LUGAR: AULA 12

DATA LÍMITE: LUNS 10 DE MAIO

Haberá sorpresas para os traballos máis orixinais!.

4º PASO

Exposición de todos os traballos.

Premios Mestre Mateo 2021

🎬🍿🎥 Onte o audiovisual galego vestiuse de gala! 

O filme Ons, do compostelano Alfonso Zarauza, xunto con A Illa das Mentiras, da coruñesa Paula Cons, foron as claras gañadoras na XIX edición dos Premios Mestre Mateo celebrada onte no Teatro Colón de A Coruña.

Lucía Veiga e o grupo De Vacas, imaxe tomada de diariodepontevedra.es

Ons acada 13 premios, incluídos o de mellor película e, nas categorías de interpretación, as de mellor actriz protagonista (Melania Cruz), mellor actor protagonista (Antonio Druán "Morris") e mellor actriz de reparto (Marta Lado).

A Illa das Mentiras, pola súa parte, logra 5 galardóns, entre eles, o de mellor dirección para Paula Cons e mellor interpretación masculina de reparto (Milo Taboada).

     

📋✏️ Deixámosvos un pequeno listado dalgunhas das producións tamén premiadas, moitas das cales xa recomendaramos neste blog. Tomade nota!

- Nación, de Margarita Ledo: mellor película documental.

- Néboa: mellor serie de televisión. 

- Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo: mellor serie web.

- Xoves de Comadres: mellor curtametraxe de imaxe real.

- Carne: mellor curtametraxe de animación.

- Muinheira de Interior, de Boyanka Kostova, dirixido por Xaime Miranda: mellor videoclip.

Cinema galego

😀Seguimos co lecer, nesta ocasión ofrecémosvos novidades cinematográficas, podédelas ver en FILMIN:

Para maiores de 18 anos👀

  • Arima de Jaione Camborda 
A vida de catro mulleres e unha nena que se ve alterada pola chegada de tres forasteiros.

  • Lúa vermella de Lois Patiño
Filme sobre un mundo onde podemos escoitar voces de fantasmas👻, bruxas e monstros👹. Tres mulleres que chegan a unha vila mariñeira para quitar o feitizo e arroupar a un rapaz que se chama Rubio, un mariñeiro que desaparece no mar. Espectacular fotografía.