Xela Arias, Día das Letras Galegas 2021

📢 Continuamos coas novas!! Hai apenas unhas horas que a Real Academia Galega deu a coñecer o nome da homenaxeada o vindeiro Día das Letras Galegas 2021: Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003), escritora, poeta e tradutora, foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea; en palabras da propia academia, poesía "singular, transgresora, sinceira e comprometida".

Xela Arias, imaxe tomada de culturagalega.com

Premede nas seguintes ligazóns para coñecer máis sobre Xela Arias:

Biografía

Información na AELG (asociación de escritoras e escritores en lingua galega) 

Audio: poema de Xela Arias adicado a Rosalía de Castro

Noticia elección Letras Galegas 2021

Lecer mellor con música!

💁‍♀️ Non podían faltar tampouco as recomendacións musicais. Toca desta quenda darvos algunhas ideas neste ámbito, esperamos que vos gusten!

  • Aida Saco Beiroa. A pianista galega publica en 2019 o seu último traballo, Ronseis do tempo, que conta coas colaboracións de Uxía Senlle e MJ Pérez. Aida foi candidata na 12ª edición dos premios MIN 2020 nas categorías de "mellor álbum" e "mellor videoclip", e semifinalista na de "mellor álbum de clásica".
Aida Saco Beroa, imaxe tomada de premiosmin.com
No videoclip do tema Déixome ir, gozamos ademais da voz de Uxía e da letra de Darío Xoán Cabana (fragmento de "Guenebra", Amor e tempo liso):
 
  • Guadi Galego. Tamén candidata aos premios MIN 2020 co seu álbum Inmersión (2019), nas categorías de "mellor artista", "mellor canción do ano" e "mellor álbum"; semifinalista tamén na categoría de "mellor álbum de pop". 
A candidatura da mellor canción do ano conseguiuna con Cedeira. O videoclip amosa a colaboración de Iván Ferreiro neste temazo:

 
 
De Guadi Galego xa deramos a coñecer o seu último traballo, Costuras (podes lembrar a entrada aquí). Mais non queriamos perder a ocasión de ensinarvos esta magnífica interpretación coa que nos inspira a Artística de Merza do seu tema Velutinas. Todo fermosura!:

Este Nadal... tempo de lectura!

💁‍♀️ Lanzamos as recomendacións literarias do EDLG do Macías, que xa tocaba!! Así que tomade nota, esperamos que vos sirva de axuda se andades buscando lectura. 📝 📖

Animádevos!! 

  • Para 1º e 2º de ESO:

- Un mar de pásticos, de Kirsti Blom e Geir Wing Gabrielsen.

- O chispas, de Manuel Rivas.

- Be water, de Antía Yáñez.

                     

  • Para 3º e 4º de ESO:

 - Camiño de Paixóns, de Carlos Meixide.

- Instrucións para tomar café, Manuel Núñez Singala.

- Fin de temporada, de Ignacio Martínez de Pisón.

- Tantos anos de silencio, de Francisco Castro.

- Ninguén morreu de ler poesía, de Aldaolado (dúo poético formado por Lucía Aldao e María Lado).

- O pacto do letargo, de Miguel Anxo Prado.

         
         
                                    
                                                            
  • Para profes:

- Infamia, de Ledicia Costas.

- O estado intermedio, de Rexina Vega.

- Que me queres, amor?, de Manuel Rivas.

- Flores de ferro, de María Rei Vilas.

- Granito, de Álex Alonso.

                          

                                             
 
Por último, é o noso desexo aproveitar esta ocasión para facer unha mención especial á nosa querida compañeira, Rosa Enríquez. Queremos salientar a súa última obra VACASTRAS (que non puido ser presentada por mor da pandemia), onde nos descobre ás mulleres silenciadas no tempo. Móstranos o outro lado da historia revertindo os protagonismos, como di Emma Pedreira. Unha vez máis, Rosa mostra a súa apaixonada forza creadora, dándonos a coñecer a mitoloxía oculta e descoñecida. 
Grazas por tanto, compañeira!
 
Rosa Enríquez, imaxe tomada de laregion.es

Novas voces para a lingua

Este post merecía unha entrada individual pola orixinalidade e calidade do proxecto que presenta, pola súa importancia para a lingua e polo seu relevante obxectivo: conectar a mocidade co idioma.

Tal e como sinalan na noticia de Nós diario, Conseguiremos é o título da serie que dá comezo ao proxecto Novas voces para a lingua, que lanzan entre a Real Academia Galega (RAG) e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Compostela (USC).

Así, a serie Conseguiremos consta de cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas, exemplo da Galiza con máis talento, e que empregan o galego en todos os contextos da súa vida. Cada un gozará dun encontro co seu referente, en ámbitos tan diversos como a creación artística, a ciencia ou o deporte. Entre outros nomes, destacan os músicos Alejandro Guillán, Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, o xenetista Ángel Carracedo e a futbolista Vero Boquete, quen ademais protagoniza o primeiro capítulo, recentemente publicado pola Real Academia Galega.

Novas voces para a lingua é unha idea orixinal de tres estudantes de Xornalismo da USC: Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora e sonidista). Velaquí o vídeo publicado tamén pola Real Academia Galega que nos presenta a esta talentosa mocidade:

Audiovisual para o Nadal

 
 
                             
 
          
  • Ons, de Alfonso Zarauza. O filme deste director santiagués conta a historia dunha parella, Vicente e Mariña, que deciden pasar o verán na illa, para evadirse e sanar algunhas feridas abertas. Pero as circunstancias complicaranse neste thriller dramático que pecha algún que outro segredo no seu interior.
                                  
Fotograma do filme, tomado de losinterrogantes.com


    



💁‍♀️ Desde o EDLG queremos recomendarvos algúns filmes, series e incluso videoxogos para que enrededes nestes días de lecer que estamos xa a piques de comezar. 📽️ Xa ule a vacacións!!

 

  • El desorden que dejas, de Carlos Montero. Baseada na novela homónima deste escritor celanovés, esta miniserie de 8 capítulos estreouse o pasado 11 de decembro en Netflix, e relata como a vida de dúas mulleres, interpretadas por Inma Cuesta e Bárbara Lennie, conéctanse no espazo e tamén no tempo, con fermosísimas paisaxes galegas e o espectacular IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova como escenario do IES Vilariz.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
  • O corpo aberto, de Ángeles Huerta. Esta directora e guionista xixonesa, gañadora de tres premios Mestre Mateo co seu documental Esquecendo Monelos, levará agora á gran pantalla un relato de Xosé Luís Méndez Ferrín, que narra a historia de Miguel, un novo e idealista mestre que no outono de 1907 se ve rodeado de estraños sucesos que acontecen nunha aldea perdida entre Galicia e Portugal. Este será un filme rodado en galego-portugués e con produción portuguesa. 
Ángeles Huerta, imaxe tomada de acuartaparede.com 

  • The waylanders, un videoxogo de rol con ambientación celta. Gato Studio, ubicado en A Coruña e especializado no desenvolvemento de videoxogos lanza a súa máis grande actualización para The waylanders.
Bótalle unha ollada a esta actualización!! Chámase Community Update, e é a primeira das tres que realizará Gato Studio durante o inverno. Entre outras melloras, destacan algunhas referidas ás orixes das personaxes, un novo modo de foto, e traducións do xogo a novos idiomas: español, galego, ruso, chinés e alemán.

O IES de Arzúa homenaxea así a Carvalho Calero, letras galegas 2020

O IES de Arzúa recibiu, o pasado 9 de decembro, o 1º premio no Certame de Curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, na modalidade de Centros de Ensino, pola súa magnífica curtametraxe: Carvalho Calero. Letras Galegas 2020

E xa podedes gozar da mesma:

Así foi o fallo do xurado: "O xurado decidiu por unanimidade, polo seu valor informativo e didáctico cheo de frescura sen deixar de presentar o lado lúdico da celebración do Día das Letras, coa complexidade que supón a intervención dun número tal elevado de alumnado”.

Dende o EDLG do IES Macías o Namorado non podemos estar máis de acordo, e queremos trasladar os nosos parabéns ao equipo do IES de Arzúa implicado neste marabilloso traballo.

Ana Romaní, a poesía necesaria

A poeta e xornalista galega Ana Romaní (Noia, 1962) vén de publicar a súa última obra, A desvértebra,  moi esperada polos lectores e lectoras.

                 

Estas imaxes foron tomadas da web de Chan da Pólvora, editorial que publica o último título dunha das máis admiradas voces da poesía galega. 
 
No seguinte vídeo accedes á recomendación litaeraria da libraría Couceiro:
 

"Costuras", o novo disco de Guadi Galego

       
O último disco de Guadi Galego (Cedeira, 1974), unha das artistas máis relevantes do panorama da música galega, veu a luz o pasado 20 de novembro. É o quinto álbum da artista en solitario, e para a creación da portada do mesmo escolleu ao pintor Ricardo de Barreiro.

Guadi Galego, imaxe tomada de galiciaenconcierto.com

Aquí vos deixamos o videoclip do single que dá nome ao seu álbum:

Alba Cid, poeta galega gañadora do Premio Nacional de Poesía Xove

O pasado mes de outubro a poeta e investigadora en poesía contemporánea Alba Cid (Ourense, 1989) resultou gañadora do Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández, pola sua obra Atlas.

Alba Cid, foto tomada de Editorial Galaxia
Alba Cid, imaxe tomada de Editorial Galaxia

O xurado destacou que a obra premiada constitúe "unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo. É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”

Podes ler a noticia de El Correo Gallego aquí.