👍🙋Rematamos este curso facendo referencia ao que nos move, nos envolve, nos pon a flote a pesar das dificultades. Estamos a falar da lingua que nos permite mergullarnos e rexurdir unha e outra vez.
Ilustración de Leandro Lamas |
Vestímonos de mar
Como explicar que non nos doe a historia deste país, tantas veces silenciada?
como suplantar as nosas palabras de lingua afogada, esquecida
sen grande dor?
Como rebelarnos contra a auga que nos atrapa?
Como resistir ante a corrente efémera que nos arrastra
sen sucumbir ao temporal?
Este ano, vestímenos de mar,
para vogar -en contra do vento-
falando a lingua que nos identifica como pobo,
como terra, como cultura.
A nosa identidade, a cotío desprotexida, usurpada,
tentan calarnos
invadirnos,
ignorarnos
mais nós
irreverentes
furiosas
combativas...
Somos de mar!
Doe a matria perdida e asolagada,
afogada e mergullada por tantas outras,
doe non escoitar a música das caracolas, agora silenciadas.
Doe a pel ferida de nostalxia,
de tanto navegar ao bambeo das ondas, sen rumbo
doe arar na marusía e non ter froito.
Son de mar!
Tentamos evitar a utopía, como se de algo irrealizable se tratara,
como heroínas dun naufraxio,
acreditamos nela para non esmorecer, tenderlle a man.
Somos inadaptadas no propio país,
Somos mulleres bregadas, de sal, feitas para resistir.
Sereas con horizonte claro para chegar ao porto.
Somos de mar!
Todas, somos poucas para garantir a súa supervivencia
tenderemos redes afectos, ronseis de empatía, de ilusión...
para defender a liberdade do que cremos xusto.
Como prescindir das miñas palabras?
area rocha dorna argazo arela cuncha...
como negar a miña voz, a miña pel, a miña orixe?
Lembrade
Son de mar!
Abride a fiestra, preciso respirar,
abride a fiestra que quero ver o mar, dicía a poeta
a nosa poeta!!
Era de mar!
Matilde Pena (Coordinadora do EDLG)
Con este poema, Vestímonos de mar 💦, agradecemos ás profas e alumnas partipantes no blog 💜, ás 4000 visitas💥 que visualizaron este blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario