Pascua, tempo para o lecer

💁 Coa chegada da Pascua, e das tan desexadas vacacións, dende o EDLG do Macías o Namorado lanzamos unha ampla e variada escolma de novidades literarias, para que gocedes da nosa lingua, da nosa cultura no voso tempo de lecer. Ler é cool 😉, anímaste? 

📖 EIS AS NOSAS RECOMENDACIÓNS:

Para 1º de ESO

  •  Non te amola! de Xela Arias

Libro inédito desta autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021. É unha achega narrativa sobre a biografía emocional de Xela Arias, con ilustracións de Luz Beloso.

Para 1º, 2º, 3º e 4º da ESO

  • Aleida. Cidade sen alma de Víctor Boullón

Banda deseñada. Heroína aventureira que emprende unha viaxe para recuperar as reliquias do Apóstolo.

  • Cocotiburt de Rafael Fernández Lorenzo

Mitos, maxia e costumes. Trata da desaparición de 3 raparigas nunha vila costeira galega. Con ilustracións de Esteban Souto.

Bacharelato, profesorado, pais e nais

  • Entre donas, obra colectiva: Marilar Alexandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yáñez
Temos nesta obra dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo, experiencias, recoñecemento e noutros moitos aspectos vitais pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.

  • A tribo que conserva o lume de Teresa Moure
Última novela desta escritora galega. Thriller que nos desvelará quen matou a Thomas Dinger, cinco anos despois do seu pasamento e debido a reiteradas mortes de lingüistas en todo o mundo dúas mulleres envólvense en investigacións paralelas con consecuencias imprevisíbeis.

  • As malas mulleres de Marilar Aleixandre
Premio Blanco Amor 2020. Asistimos a unha apaixonante viaxe a finais do s.XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia, que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais. 

A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluías, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863.

             
                                                                             

Ningún comentario:

Publicar un comentario