Día das Mulleres

👭💜 O 8M sempre chega co comezo da primavera, este ano desexamos que agrome dun xeito máis visible, máis xusto, máis digno. 
 
💁‍♀️ Dende o século XIX ata hoxe, de diferentes formas, as mulleres levamos reivindicando o dereito á igualdade. Como en Bread and Roses, seguimos a reclamar dignidade e respecto para os nosos traballos. Queremos por de manifesto as desigualdades, as diferenzas salariais, as persoas que traballan de maneira invisible.

🗓️ Este ano o 8M está dedicado a todas as persoas que se ocupan dos coidados, queremos darlle visibilidade, darlles recoñecemento pois sen elas, sen o seu labor, o mundo para.

🤔A pandemia puxo en evidencia, máis que nunca, que as mulleres somos imprescindibles, que sen alimentación e coidados non é posible a vida. Queremos salientar aquelas mulleres que se ocupan dos coidados facendo un labor fundamental para a sociedade. Coidados de crianzas, de maiores, de dependentes, da nosa saúde, da alimentación… 

Persoas que dedican a súa vida con responsabilidade para que todo funcione, para que a terra siga xirando porque... se elas paran, o mundo párase.

☝️⚖️ Cómpre recoñecelo, é de xustiza. Queremos empezar polo achegado, o próximo, o cotiá. Nos centros de ensino, de saúde, hai mulleres traballando silenciosamente, mulleres invisibles que cada día se responsabilizan de que todo esté en orde, limpo, e coidado cando chegamos. Nas casas, as nais e avoas, as traballadoras do fogar, coidan das persoas, de levar adiante a vida, de que nada falte. Nos hospitais a meirande parte mulleres son as que se ocupan dos coidados das persoas. 

É pois de xustiza recoñecer, poñer en valor e respectar o seu traballo, cando na meirande parte dos casos, son tamén estas mulleres as que se ocupan dos coidados das súas propias familias.

As mulleres queremos Pan e Rosas, isto é igualdade, cooperación, reparto nas tarefas, nos coidados, nas responsabilidades.

Queremos mover os marcos cara a unha sociedade xusta, proxectar unha visión máis ampla e considerar a súa importancia tanto no noso medio como a nivel social.
 
Polos dereitos e liberdades que nos son roubados, pola emancipación, a independencia e a dignidade. Por NÓS, polo FEMINISMO!    
Ilustración de María Serrano

Ilustración de Miss Toxo

Ningún comentario:

Publicar un comentario