E para por o ramo das lecturas rosalianas e próximo ao 8M, ninguén mellor que Goretti Sanmartín Rei, filóloga, escritora e política galega, mais cómpre coñecer unha outra Goretti, máis cercana, amiga e sempre solidaria.
Muller afouta, reivindicativa, culta, feminista libre e avanzada. Si, Goretti é filla dese libre pensamento que loita por romper cadeas que oprimen, como no seu tempo foi Rosalía de Castro.
Goretti Sanmartín é un referente no espazo público, político e cultural do país.
Un pracer escoitala, sempre na procura do ben común. Amosa unha presenza discreta e maina ao principio, logo comeza o discurso, imponse o silencio, e é aí cando te atrapa nos camiños do entusiasmo, coa súa forza dialéctica, as ideas claras e a palabra xusta.
Ten a sensibilidade do próximo e do alleo, do evidente e do que se move nas marxes. Dous son os piares que marcan o seu ritmo vital, o activismo e a implicación na lingua e no feminismo. A lingua, orgullo do país coa que construimos a realidade e feminismo coma loita incensante para transformar a vida das mulleres. Sempre a carón das mulleres que sofren, mulleres silenciadas, oprimidas...todas son obxecto da súa inquedanza.
Por iso hoxe, merecido é o seu espazo porque "é o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da dignidade e por que non? da felicidade" como dicía a súa entrañable amiga Begoña Caamaño.
Eis aquí a orixinal achega de Goretti Sanmartín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario