DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
(8 de marzo de 2023)
Un ano máis, celebramos o Día Internacional da Muller coa lectura, por parte de alumnas de 2º BAC dun manifesto no 2º recreo.
MANIFESTO 8M, DIA INTERNACIONAL DA MULLER
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é unha data destacada no calendario internacional para lembrar que a desigualdade de xénero é unha realidade en todo o mundo e que se ben foron moitos os logros acadados, quedan moitas desigualdades que superar.
O Día Internacional da Muller conmemora a loita das mulleres por acadar a igualdade na sociedade e é, por tanto, unha xornada de reivindicación e loita contra a desigualdade entre homes e mulleres, representando ademais unha ocasión para a lembranza e homenaxe ás mulleres que impulsaron estes ideais.
As manifestacións feministas de mediados do século XIX en Estados Unidos e Inglaterra, directamente vinculadas coas consecuencias da industrialización, foron sinaladas como grandes fitos na historia feminista e da conmemoración do 8 de marzo. Nestas mobilizacións as mulleres demandaban mellores condicións de traballo e o recoñecemento do dereito fundamental ao voto.
En Galicia tamén se produciron importantes mobilizacións de mulleres por motivos similares. En 1857, na Fábrica de Tabacos de A Coruña produciuse a primeira folga de mulleres da historia de España. Miles de mulleres manifestáronse en contra dunhas condicións de traballo de máxima precariedade, con xornadas de máis de doce horas e soldos de menos da metade do que cobraban os homes.
Todos os seres humanos somos iguais ante a lei e debemos ter opción de desfrutar de idénticas oportunidades para desenvolver as nosas capacidades e talentos.
A igualdade entre homes e mulleres é un principio xurídico universal recoñecido en diversos textos internacionais sobre dereitos humanos entre os que destaca a Convención sobre a Eliminación de todas as Normas de Discriminación contra a Muller, aprobada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en decembro de 1979, e ratificada por España en 1983.
O artigo 14 da Constitución Española proclama o dereito á igualdade e a non discriminación por razón de sexo. E o artigo 9.2 consagra a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade sexa real e efectiva.
Pero ademais de reformas xurídicas cómpre que o sistema educativo se involucre con propostas docentes e metodolóxicas que garantan unha educación máis igualitaria e inclusiva.
Por iso, desde o IES Macías o Namorado reivindicamos máis educación en igualdade e con perspectiva de xénero.
POR UNHA SOCIEDADE MÍAS IGUALITARIA ONDE MULLERES E HOMES TEÑAN OS MESMOS DEREITOS E OPORTUNIDADES!
VIVA O 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER!
Equipo de Dinamización da Lingua Galega
Equipo de Biblioteca
Ningún comentario:
Publicar un comentario